O que xa non é
O meu desexo nesta mostra fotográfica é poñer en valor, honrar e coidar o recordo de rostros e lugares da Estrada que, malia non estaren fisicamente no presente, están vivos na nosa memoria. Ao visualizar en imaxes o que xa non existe, trato de indagar sobre o que se abre como posibilidade no baleiro.
Pode que ao mirar estas imaxes proxectemos dende os nosos procesos vitais como as perdas, os cambios e as transformacións; ou quizais nos atravese esa sensación de nostalxia e de incomodidade sobre o paso do tempo, que todo o toca, mesmo aquilo que xurabamos intacto. E é que nada resiste o seu pulso.
Poderiamos desexar que as cousas que nos importan e coas que nos identificamos dalgunha forma, permanecesen sempre igual. Porén, o paso do tempo é un fenómeno que inevitablemente inflúe nas nosas emocións. As paisaxes e as estruturas transfórmanse e adoitamos romantizar os edificios antigos, sentindo esa fascinación que nos fai recordar lugares como símbolos dun pasado mellor, ou dun paraíso perdido. Idealizamos o pasado como un “tempo mellor” a través da distorsión da realidade para evocar emocións intensas, onde as ruínas vense como vestixios que nos inspiran asombro e melancolía.
Pero con todo isto, e tomando a perda como posibilidade, pregúntome:
¿Cómo nos serven as imaxes de espello do que xa non é, para honrar o perdido e redefinir a nosa relación co ausente?
¿Que hai da mirada coma ponte para resignificar agora o que sí está?
Reflexionar sobre estas preguntas podería dar lugar a novas versións da nosa percepción que aínda non coñecemos, abrindo espazo para podermos soster no cambio, onde podermos habitar diferente, cunha mirada máis aberta, máis libre.
Na era da intelixencia artificial, é revolucionario seguir apostando polo traballo do artesán ou do músico, poñendo en valor espazos onde desenvolver actividades creativas e poder gozar da arte entre esas paredes que un día teñan historias que contar ás futuras xeracións.
¿E como poderiamos coidar e honrar os tesouros que narran a nosa historia?
¿Cómo podemos rescatar espazos sagrados onde haxa lugar para a liberdade de expresión, a arte e a creatividade?
Preservar o noso patrimonio hoxe significa integrar estes lugares na nosa vida moderna conservando a súa esencia. Por ende a mellor forma de respectar as nosas raíces é habitalas con respecto, protexendo os espazos que nos dan identidade como un acto de gratitude e de memoria colectiva; mantendo vivo o diálogo entre o pasado e o presente a través do coidado.
Tras estas reflexións, só nos quedan as imaxes, xa que as imaxes non se toman para hoxe, senón para o día en que algo falte. Porque nos axudan a recordar e forman parte do noso inconsciente, posto que recordamos en imaxes e fotografamos futuros recordos.
A fotografía non cambia o pasado, pero si salva a memoria, pois é unha ferramenta visual poderosa que ten moito que contar no seu idioma non verbal, comprensible a nivel global.
É fermoso e filosófico pensar que, quizáis, a vida no fondo coida todo aquilo que arrisca transformarse. Que todo o que é precisa cambiar para seguir sendo. E quizais a metamorfose sexa a forma máis profunda de permanecer.
Oxalá vos gusten estas imaxes da nosa memoria colectiva e vos conviden a reflexionar coma a min.